Desde o barrio de Mouro na aba do monte Galleiro miramos o val do Tea de Mondariz ata o Miño, os montes do Suido ata a Peneda en Portugal. Dunha ollada, sen google maps. E cada mañá saudamos con cariño a Paradanta porque de alí chéganos o wimax.
Outros días pode alborexar cun mar de nubes rodeándonos como se fósemos unha pedra voadora, ou unha illa perdida, lembranza dun paraíso autárquico, o mundo de Mouro e Cillarga. Un territorio e unha memoria para conservar e habitar.
Foi unha historia de paciencia, para nacer o proxecto Mou era preciso ter unha conexión aceptable a internet. Pero agora xa temos o mellor dos dous mundos. Podemos regar as leitugas escoitando un podcast de marketing dixital ou traballar en remoto escoitando os paxariños.
Novos xeitos de facer para vellas formas de vivir.