As fábricas de Penso para Algoritmos

Traballadores fantasma no bosque escuro da automatización, segunda parte.

Seica o clima económico nas alturas é o seguinte. Segundo varias fontes consultadas, en 2025, o mercado global de Human-in-the-Loop (HITL) e servizos de datos para IA valorouse entre 18.000 e 22.000 millóns de USD e espérase que creza a un ritmo vertixinoso, alcanzando os 100.000 millóns de USD en cinco ou dez anos. Iso din. Segundo Forbes só en India estímase que para 2030 o mercado de anotacións podería superar os 7.000 millóns de dólares e empregar a máis dun millón de anotadores. 

Se fose simplemente unha cuestión de etiquetar o mundo real, aínda que poderiamos consideralo infinito no seu detalle e complexidade, a parte da realidade que as tecnolóxicas consideran relevante, seguindo os seus manuais de clasificación, si que podería ser en teoría finita e este traballo terminaría en calquera momento. Aínda que iso non está a ocorrer. O que fai que este mercado sexa tan masivo é que non é simplemente un gasto temporal de adestramento, como se pensaba ao principio, senón un gasto fixo de mantemento.

Até agora a historia ensínanos que a automatización non elimina a necesidade de intervención humana senón que a fragmenta e despraza. Tampouco podemos asegurar que isto sexa unha lei universal, con todo as tendencias actuais non contradin este principio. Se nos din que as Big Tech cada vez teñen menos empregados é porque os seus traballadores xa non se atopan no marco xurídico e partida orzamentaria do emprego, senón no dos servizos externalizados, convértense en gastos operativos a través das plataformas de HITL (Human in the Loop).

Vale a pena oir o que di Peter McCrory, xefe económico de Anthropic nesta entrevista, é moi revelador o corte (12:03) Why extracting tacit knowledge is so important. McCrory menciona na entrevista que eles xa só contratan PhDs, con todo é de dominio público que contratan a miles de persoas que revisan, corrixen e puntúan as respostas de Claude a través de socios estratéxicos como Xorde AI e Scale AI (Outlier). É só un exemplo, porque toda a industria da IA fai o mesmo.

É moi interesante o fulgurante éxito de Mercor, plataforma especializada en contratar a unha elite intelectual de enxeñeiros, avogados e PhDs de diversos campos. Non vos perdades isto. Ao parecer a clave do seu éxito é unha IA recrutadora que fai entrevistas e chequea a identidade dixital de centos de candidatos 24/7. Como nas demais plataformas, o algoritmo asigna tarefas cognitivas, valora a remuneración, vixía a túa performance e en calquera momento pode banearte o que substitúe ao concepto de despido. Unha especie de aspiradora de talento humano que posteriormente tritura e distribúe entre as Big Tech.

O talento humano é o “penso” de engorde das IAs, pensamento triturado, adulterado con aditivos e empaquetado. Suponse que están a licenciar a mente humana ás corporacións do Valhala para que estas poidan finalmente prescindir dela. O problema é o canibalismo, o que a ciencia chama o concepto de Model Collapse, é dicir, que se alimentas ás IAs con penso elaborado a partir de datos sintéticos, sofren unha grave deterioración cognitiva, unha especie de enfermidade das vacas tolas algorítmica. Non é broma, é un tema súper interesante e moi estudado.

Cando empezaron estas plataformas de traballo fantasma, a teoría era que se trataba de dar un empurronciño á intelixencia artificial para arrincar e despois xa sería autónoma, pero na práctica este mercado non fixo máis que medrar e as previsións son dunha enorme demanda deste tipo de traballo cognitivo fragmentado, mentres entramos nunha segunda fase do Ghost Work cada vez máis especializado. 

Este é un cambio que podemos ler nas empresas do sector como nun libro aberto.

    

Un día calqueira no Valhala das Corporacións

    • Erik: É isto o Valhalla? Sodes vos os Deuses?
    • Neno-Deus: Sí, sí, somos nós. Qué queredes? Estamos moi ocupados.
    • Erik: Viñemos a pedirvos que deteñades a Idade de Ragnarok, a era da escuridade e a violencia….
    • Neno-Deus: Oh non, outra vez! Sempre vides co mesmo. “Oh, Deuses, acudídenos!”, “Oh, Deuses, facede isto!”. Non vedes que estamos a xogar?

Diálogo de Erik o Viquingo de Terry Jones

Empecemos con Amazon Mechanical Turk (MTurk) de Amazon Services, unha das pioneiras. O seu nome é unha irónica referencia ao Turco Mecánico, un autómata do s.XVIII que xogaba ao xadrez pero tiña dentro a un enaniño que ao parecer era un prodixio no xogo. O curioso foi que despois a xente xa sabía o truco pero ao público dáballe igual, a fascinación polo autómata era a mesma, un detalle moi revelador.

Como MTurk tiña fama de traballo barato de ínfima calidade, evolucionou como un pokemon cara a unha nova empresa chamada SageMaker Ground Truth, a fábrica de sabios verificada no terreo. É dicir, xa non hai un humano escondido no boneco, pero hai humanos que verifican se as tanxarinas son realmente alaranxadas ou moradas.

Parece que os nomes irónicos ou cínicos son habituais no sector, outro exemplo é SanctifAI o descarado rebranding ALegion, unha empresa veterana no sector da etiquetaxe de datos, que se eleva á santidade para a fase dúas deste negocio. Unha onda de rebranding inaugura a nova época que demanda cada vez maior cualificación aos operadores humanos. 

Cando coexisten ambas as fases evolutivas é moi interesante deixar que os obxectos falen e comparar a comunicación das webs corporativas.  Por exemplo, na web de ALegion a narrativa é 100% tecnolóxica e apenas se menciona en letra pequena o de “intelixencia humana” como unha característica do servizo, unha parte da ecuación, un complemento do software, sen mostrar que a base do negocio son os recursos humanos. 

Cando ALegion convértese en SanctifAI cambia a narrativa, recoñecen abertamente que a súa materia prima é a intelixencia humana e mesmo se atreven a advertir aos seus potenciais clientes que por moito que melloren os seus sistemas nunca poderán prescindir da intervención humana de calidade. É dicir, pasan do tecnogalimatías ghost work á ameaza co Paradoxo da Automatización, en plan, sede conscientes queridos clientes de que canto máis automatizado estea un proceso os erros serán máis críticos. 

O Paradoxo da Automatización tamén se reflicte noutro recente rebranding, onde a empresa Remotasks (de Scale AI) pasa a chamarse Outlier, que significa casos atípicos ou excepcionais, é dicir, o talón de Aquiles da automatización. O que venden la súa web é a crecente fraxilidade que provocan os casos inesperados nos sistemas automatizados, nos que un humano descontextualizado ou out of the loop non consegue evitar un accidente fatal.  

As grandes corporacións lémbranme ao Valhala de Erik o Viquingo de Terry Jones (Monty Python), onde os deuses resultan ser nenos malcriados que xogan coa xente ou simplemente son indiferentes ao seu destino entretidos cos seus xogos. Unha especie de gardaría con superpoderes.

Un novo tipo de plataforma comeza a aparecer de forma moi experimental, un tipo de marketplace onde os desenvolvedores apuntan aos seus axentes especializados para que podan ser contratados por outros, plataformas de gig work similares ás de freelancers pero poboada de bots que mesmo poden ter orzamento para contratar a humanos cando os necesitan. 

O Paradoxo da Automatización

A teoría da automatización documenta desde a época dos sistemas mecánicos até hoxe, como os erros se volven cada vez máis críticos ao aumentar a automatización, ademais do feito de que a intervención humana vólvese máis ineficaz debido á fragmentación en tarefas dispersas, a presión do ritmo de traballo e máis recentemente á externalización cognitiva. 

Ao parecer, na automatización o truco é converter os procesos en tarefas. Canto máis simple e compartimentada sexa unha tarefa, máis probable é que poida ser automatizada de forma rendible. Nesta industria unha gran parte das tarefas convértense en rutinas automatizadas e o resto pasan en forma de microtareas a traballadores que nin sequera necesitan saber cal é o produto ou o empleador. 

Nesta segunda fase do ghost work, a miúdo o traballo é superar os casos inusuais nos que o sistema se equivoca podendo causar graves problemas ou accidentes. Pero o humano entra no Loop da máquina sen un contexto claro da situación e con pouca práctica de tomar o mando, é máis incompetente debido á externalización cognitiva, como o efecto GPS que fai que non saibamos orientarnos ou a perda das capacidades aritméticas máis sinxelas que trouxo a calculadora, por exemplo.

Son moitos os casos clásicos de accidentes derivados da automatización en campos como a aviación, a condución autónoma, en sistemas de mísiles ou en algoritmos de speed trading. Na era da IA xerativa, que non é capaz de distinguir o real do plausible, aos antigos fallos de enxeñaría hai que sumar os fallos de cognición, o que poderiamos chamar accidentes epistémicos, ademais do manexo de eventos novos ou emerxentes que un humano non sabería como resolver porque non entende que está a pasar.

Actualmente, Waymo opera máis de 700 vehículos autónomos en San Francisco, Phoenix e Los Ángeles, aínda que Google/Alphabet oculta o número de teleoperadores que están detrás deste servizo. Vin distintos cálculos en varias fontes, pero necesítanse varios miles de persoas para cubrir as viaxes 24/7 dos seus vehículos nesa área. En varias reportaxes de investigación filtrouse a estatística de que entre dous e cinco minutos facíase necesaria a intervención dun teleoperador para desbloquear o coche autónomo, por non dicir teledirixido.

En termos cuantitativos, poderiamos dicir que as vidas salvadas e accidentes evitados grazas á intelixencia artificial son moi superiores a eses casos raros ou atípicos nos que a automatización falla, pero desde o punto de vista do risco inherente a estes fallos o balance vólvese moi inquietante. Unha IA pode diagnosticar prematuramente un cancro, evitar riscos laborais e salvar vidas en numerosas ocasiones pero tamén pode producir un só fallo sistémico de consecuencias desproporcionadamente catastróficas. 

O Paradoxo da Automatización non significa un rexeitamento aos sistemas autónomos senón que parece recomendar prudencia e selección daquelas tarefas que convén automatizar, non facelo simplemente porque se pode, aínda que na práctica non sexa nin sequera eficiente. E dalgún modo tamén predí que cada vez haberá empregos de maior responsabilidade respecto á seguridade e o control. 

Desprazamento e reintegración

Cando falamos de destrución de empregos, veñen á mente inmediatamente casos como o da fábrica escura de Xiaomi en Pequín, que recentemente acaparou titulares. Desde un centro chamado “sala de guerra”, uns poucos humanos supervisan esta fábrica operada por robots, escura porque non necesita luz, calefacción nin máquinas de café na planta de produción, e que aparentemente produce un teléfono por segundo. No que respecta ao emprego industrial, a situación é bastante clara.

Pero ao mesmo tempo prevese que os perfís subalternos que constitúen a clase media desaparecerán coa automatización cognitiva, aínda que é posible que gran parte dese traballo non se estea destruíndo senón desprazándose, volvéndose invisible e precario, oculto tras as plataformas. Traballo humano que salta no Loop como troitas no río, mirando o contexto e mergullándose de novo. 

Pero que pasa coas persoas traballadoras e os antigos dereitos laborais duramente conquistados? Algúns pensan que un día sairá na tele o presidente dicindo que se acabou a seguridade social, pero neste anunciado escenario pode que iso non sexa necesario porque se iría extinguindo sen que nos deamos nin conta, como a ra na pota de auga quente.

Unha segunda narrativa sobre este tema é que a destrución do emprego se podería solucionar coa renda básica universal. Penso que algúns a defenden cunha xenuína preocupación ética e argumentación sólida. Os gurús de Silicon Valley deféndena seguramente por consello dos seus asesores de imaxe para parecer xente responsable, ou quizá porque de momento necesitan consumidores. Os políticos occidentais experimentan unha solución provisional á pobreza extrema, tipo o Ingreso Mínimo Vital en España, aínda que non é unha RBU porque non é universal e indiscriminado.  

Lembremos o da porra que propuxera no artigo anterior, quen aposta pola utopía ou pola distopía. A distopía dun mundo polarizado entre privilexiados e desposuídos é fácil de imaxinar, mil películas e videoxogos contáronnolo, pero a utopía é moito máis difícil de imaxinar e nunca é trending topic.  

A forza, o inxenio e a imaxinación.

A única referencia que temos para comprender ou imaxinar o que lle acontecerá ao emprego é o que ocorreu durante a primeira revolución industrial, un punto de inflexión na historia de proporcións similares á nosa, que tamén suscitou temores de perda de empregos a medida que os humanos foron substituídos por enxeños mecánicos.

Non é un paralelismo exacto, porque os obxectos que produce a industria pódense acumular até a síndrome de Diógenes planetario pero os bens da economía da atención teñen o límite das nosas horas de vixilia. Naquel entón, as máquinas fixeron a forza e os humanos puxeron o enxeño, se agora as máquinas ocúpanse de ambas cousas non farían falta tantos traballadores/consumidores. A pesar das diferenzas vale a pena botar unha ollada a ese fenómeno antepasado.

A primeira fase do proceso de transformación industrial implicou unha tremenda dor social. Os expulsados das granxas foron absorbidos polas fábricas das cidades onde malvivían apiñados ou morrían retallados polas perigosas máquinas de tecer calcetíns. Á vez, no medio dese trauma, o sistema fíxose exponencialmente máis complexo. Xurdiron novos traballos como enxeñeiro, mecánico, ferroviario, e outros aumentaron a súa demanda como contable, comercial ou transportista.

Desde os Luditas até onte, as organizacións de traballadores foron axentes do cambio social e conseguiron redistribuír até certo punto ese chorro de abundancia. Seguindo co paralelismo, os traballadores dixitais poderían organizarse no futuro superando o illamento das plataformas de traballo fantasma, proceso que xa está a comezar a ocorrer en varios países. 

O máis fascinante non foi que as máquinas fixesen máis rápido o que xa existía, como os devanditos calcetíns, vaixelas, ferraxes ou peites. O verdadeiramente transformador foi a eclosión, supoño que inesperada, de tipoloxías e liñaxes de obxectos inimaxinables anteriormente e con iso unha crecente demanda de emprego na industria e servizos.

Paréceme que a sociedade de consumo foi un fenómeno emerxente do sistema, non planeado inicialmente, e iso faime barallar se da revolución cognitiva que agora presenciamos chegará a emerxer un novo tipo de bens de consumo, igual que ocorreu cos obxectos físicos da revolución industrial. Quizá xurdan produtos neurosensoriales que alteren a nosa percepción, bio-fabricación á carta, vivencias virtuais, identidades sintéticas ou servizos que aínda non somos capaces de imaxinar.

E esta sería a terceira opción da porra que quedaría así: 

  1. polarización distópica entre grandes fortunas e desposuídos
  2. unha sociedade do benestar de prosumidores e xubilados
  3. un emerxente mundo de emprego en campos ignotos.

Eu non vexo imposible ningunha das opcións. Gustaríame engadir unha opción D en plan utopía galáctica, pero cingámonos ao que hai.